O Tanit IV Medilevel recibirá en Baiona o Premio Nacional de Vela ao barco do ano

O Tanit IV Medilevel do Real Club de Regatas de Alacante foi distinguido co Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao barco do ano tras proclamarse, en 2019, campión do mundo ORC na categoría Corinthian.

Na competición disputada en Sibenik (Croacia) con 50 barcos de 18 países, o Grand Soleil 37 armado por María José Vila e Pedro Bernal e liderado por Nacho Campos, foi o único representante español e, ademais de facerse co máximo título da categoría Corinthian, logrou colgarse o bronce na clasificación xeral absoluta.

A bordo do Tanit IV Medilevel, xunto coa armadora e o patrón, navegaron Diego Campos, Toni Llopis, Miguel Moreno, Miguel Bernal, Jorge Baschwitz, Mariano Caballero, Kiko Jiménez, José Antonio Gisbert e Vijay Orts Guille.

Un equipo, creado no ano 2000, formado por un grupo de amigos que, ao longo dos anos, soubo integrar ás súas propias familias e outros amigos nun proxecto deportivo cento por cento amateur que non fixo máis que encadear éxito tras éxito.

Gañaron numerosas competicións autonómicas en Valencia e asinaron varias vitorias na prestixiosa Copa do Rey, logrando podios tanto na categoría Corinthian (en 2012, 2013, 2014, 2016 e 2018) como na xeral (en 2018 quedaron segundos).

En 2019, tras os resultados obtidos no Campionato do Mundo ORC, cos que lograron sacarse a espiña do segundo posto logrado no World Championship Barcelona 2015; e a pesar de ser un equipo completamente amateur, o Consello Superior de Deportes outorgoulle a todos os integrantes da tripulación a cualificación de Deportistas de Alto Nivel.

O próximo 5 de setembro, o Tanit IV Medilevel recibirá en Baiona, nunha gala organizada polo Monte Real Club de Yates coincidindo coa celebración do Trofeo Príncipe de Asturias (4, 5 e 6 de setembro) o Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao barco do ano.