Nigrán festexa o luns o seu primeiro San Roque de Camos como festivo local

O Concello de Nigrán celebra este luns 24 de agosto o seu primeiro San Roque de Camos como festivo local, tal e como se acordara en sesión plenaria ante a coincidencia neste 2020 de San Fiz en sábado e San Xoán como festivo autonómico (os dous festivos locais tradicionais no municipio son San Fiz o 1 de agosto e San Pedro o 29 de xuño, sendo San Xoán, o 24 de xuño, a primeira alternativa e agora San Roque de Camos a segunda).

Deste xeito, e como no caso das demais festividades patronais do municipio, o Concello colabora a través do programa “Música nas Parroquias” coa Comisión de Festas para ofrecer diferentes actividades nese día. Así, xa o día anterior, domingo 23, o Torreiro de San Roque de Camos acollerá a actuación da charanga “Vai de Baile” despois da Misa Maior das 12:00, e pola tarde, desde as 17:00 horas, serán as poxas, rematando a xornada coa actuación do trío Azar desde as 21:30 horas. O propio día de San Roque de Camos, luns 24, terá lugar no Torreiro a Misa ás 12:00 horas e a actuación da Banda de Música de San Miguel de Oia, habendo no recinto un pulpeiro. Ás 20:00 horas será a actuación infantil do Rey Midas e a continuación Microteatro a cargo de Teatro do Ar, pechando o San Roque 2020 a actuación de Marcos Rodríguez, ex cantante de Amistades Peligrosas e protagonista do musical de Mecano “Hoy no me puedo levantar”.

img1-003