Por hixiene democrática, todos os grupos políticos da oposición municipal no Concello de Gondomar veñen de solicitar un pleno extraordinario para poder debater as súas iniciativas e exercer o control democrático do goberno municipal.
No actual mandato, na Corporación Municipal de Gondomar están representadas cinco organizacións políticas, sendo a correlación de votos de 4.249 votos para o PSOE (maioría absoluta), e 4.230 votos o sumatorio dos demais. “Aínda que fose diferente e máis desfavorable para os partidos da oposición, hai un principio básico en Democracia que debe ser respectado sempre: permitir o exercicio de control democrático dos gobernos por parte da oposición, facilitándoo no canto de poñer atrancos como fai o Sr Ferreira, por exemplo, levando un ano de mandato sen convocar un só pleno no día que lle corresponde, e por suposto convocándoos cando a el lle convén”.
“Por este motivo, unha vez máis (é a segunda), todos os grupos políticos da oposición municipal vémonos da obriga de solicitar un Pleno Extraordinario para poder debater as nosas propostas e iniciativas, e sobre todo, para poder exercer o control democrático sobre o goberno municipal. En máis de 40 anos de democracia municipal tivo que vir un goberno do PSOE, co Sr. Ferreira de Alcalde, a burlarse do 50% da veciñanza gondomarense que non lle votou a el”.
“As maiorías absolutas, lonxe de seren unha sorte de patente de corso aos servizo dos intereses partidarios dos gobernos que as ostentan, son unha responsabilidade que os obriga a practicar o respecto exquisito ao contrario, e, sobre todo, son a proba do algodón da calidade democrática dos mesmos. Lamentablemente en Gondomar a prepotencia e incluso o desprezo polo traballo e as propostas da oposición, están a ser a “marca da casa” do goberno do Sr. Ferreira. Por ese camiño vai mal e non vai impedir que os grupos da oposición cumpramos coa nosa obriga adquirida coa cidadanía, de axudar a mellor e a facer un Gondomar de todos”.

