Este domingo arranca a programación cultural “Bai Nadal 2018”, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona, coa celebración da III Gala Solidaria Giro’s camiña con Uxía e a Neurofibromatose, que comezará ás 18:30 horas no Auditorio V Centenario. Xa o mércores, día 5, será a inauguración da iluminación de Nadal na Alameda Carabela Pinta, con animación e obradoiros infantís desde as 17:00 horas, concerto de La Patrulla ás 18:00, e o aceso das luces a cargo de Aceba e o Concello de Baiona ás 19:00 horas.
Baiona ofrecerá durante a época do Nadal unha programación completa e variada cunha infinidade de actuacións en artes escénicas e musicais para todos os públicos, que se repartirán entre o singular palco instalado na Alameda Carabela Pinta, o Auditorio V Centenario, a Igrexa de Santa María e a Praza Victoria Cadaval de Sabarís. Destacan os espectáculos “Apagón de Nadal-Minions” ou “A maxia de Xabi”, a proxección das películas “Se armó el Belén” e “Nico, el reno que quería volar” e os shows infantís “A bailar no Nadal e “Lío élfico en Baiona”, que amenizarán os días previos a Noiteboa e que contarán cunha visita moi especial, a de Papá Noel.
Entretemento para toda a familia con inchables e obradoiros, a visita de Papá Noel, o Apalpador e o Carteiro Real, corais e grupos culturais de Baiona que veñen achegar o seu gran de area e a constatar o movemento cultural que se desenvolve ao longo de todo o ano no municipio. A III Gala Solidaria Giro’s Camiña con Uxía e a Neurofibromatose, os concertos de Panxoliñas da Coral Polifónica de Baredo, do Coro Xuvenil do CPI Cova Terreña, da Coral Polifónica Baiona A Real e da Coral Polifónica San Lorenzo de Belesar, os festivais de Nadal das escolas de baile “Galicia en Danza”, “Marcando Pasos” e “Dando la Nota”, os concertos de Nadal do Coro de Homes “Voces Baionesas” e do Grupo de Corda e Voces “Baiona Bay”, o concerto de fin de ano da Banda de Música de Baiona ou a tradicional ruta moteira de Papa Noeles a cargo da Peña Moteira “Os Rillasepas”, que percorrerá as rúas principais de Baiona… son moitos dos espectáculos que poderán gozar veciños e visitantes durante estas datas tan especiais.
Tamén haberá contacontos e obradoiros na Biblioteca e pasarrúas polo casco antigo a cargo de Troula, con zancudos e percusión, e de Pablo Méndez Performance, en Noiteboa e Fin de Ano respectivamente. O sábado 5 xaneiro, a Gran Cabalgata de Reis 2019 poñerá o broche de ouro ao Bai Nadal, saíndo ás 17:00 horas desde A Ramallosa e ás 18:00 horas desde Santa Marta.

