Baiona crea a Comisión de Seguimento da COVID no Ensino

Ante a preocupación amosada pola comunidade escolar de Baiona ante as dubidas que, dende o punto de vista da seguridade sanitaria, presenta o inicio do novo curso escolar, o Concello vén de constituír a Comisión de Seguimento da COVID no Ensino, co obxectivo de analizar as distintas situacións que se vaian presentando e adoptar, en colaboración coas ANPAS e centros escolares, “as medidas que sexan precisas para garantir a saúde dos nosos nenos e nenas”.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, que presidirá a antedita comisión, asegurou que “coa triste experiencia acumulada na primeira onda da pandemia, as administracións temos que adiantarnos aos feitos e tomar todas as iniciativas que garantan a saúde e seguridade da veciñanza”.

Os nosos nenos e nenas –afirmou o alcalde de Baiona– “son o noso ben máis prezado porque representan o futuro do noso municipio e, por ese motivo, temos que adoptar todas aquelas iniciativas que contribúan a salvagardar a súa seguridade”.

Nese sentido, a comisión vixiará a evolución da COVID19 e as medidas que, dentro das competencias do Concello, se poidan adoptar para facer fronte a cada un dos posibles escenarios que se presenten.

“Temos unha experiencia previa e, do acontecido, temos que aprender para poder poñer en marcha medidas máis áxiles e máis eficaces”, conclúe o rexedor local.