Reapertura da licitación para a concesión de 28 postos na Praza de Abastos de Gondomar

Hoxe o BOP de Pontevedra publica a reapertura do proceso de licitación pública dos postos da Praza de Abastos de Gondomar. “Así foi ordenado pola Xustiza contra o criterio ilegal e caciquil do Sr. Alcalde, que pretendeu adxudicalos por decreto (a dedo)”, recorda o portavoz de Manifesto Miñor, Antonio Araújo.

Segundo o portavoz de Manifesto Miñor, “era evidente que non podía ser doutro xeito pero, tratábase de torpedear o traballo dos socios de goberno e apañar uns votiños”. “Agora toca continuar o que outros comezamos axustado á legalidade co conseguinte prexuízo para os praceiros que confiaron nas mentiras do alcalde”.

“Ollo -advirte Araújo-, que só hai un día para presentar a documentación e poder acceder con garantías aos postos da Praza de Abastos: tanto para os aspirantes a novos praceiros, como para a regularización dos que agora están. Tiña razón Manifesto Miñor cando o concelleiro de Comercio daquela, Xosé Antón Araúxo, puxera en marcha a regularización dos postos na Praza de Abastos de Gondomar”.

“O Sr. Alcalde debería saber que coma representante público ten a obriga legal, política e moral, de defender a legalidade, máxime, cando se trata do dereito das persoas a concorrer a un concurso público en igualdade de condicións. Como di o vello aforismo: Pódese enganar a moita xente durante moito tempo, pero non a toda a xente durante todo o tempo. Neste caso chegou con catro anos”, conclúe o concelleiro de Manifesto Miñor.

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2020/08/17/2020035097