Manifesto Miñor rexeita o acordo entre Facenda e a FEMP para “requisar” os remanentes municipais

Manifesto Miñor considera un novo despropósito a medida impulsada pola FEMP (presidida polo Alcalde de Vigo, Abel Caballero) e o Goberno Central, xa que “requisan” os remanentes e os excedentes orzamentarios dos municipios e adíase o seu cobro íntegro até 2040. “Que xa veremos se se cumpre en función da conxuntura. Consideramos unha burla que se venda que os concellos entran no reparto do condicionado fundo de restruturación da UE, xa que como administracións públicas temos pleno dereito ao igual que o Estado e que as CC.AA”, advirte Antonio Araújo.

Para Araújo, o Goberno e FEMP negocian en clave partidaria e non con sentido de defensa do ben común. “Só así se entende que PP e PSOE sigan xogando coas facendas locais e sen o sentido de estado do que tanto se gaban. O resultado é un esperpento para paliar outro: os concellos entregarán “voluntariamente” (iso ou non podelo gastar) o remanente ao Estado, que se “compromete” a devolvelo entre 2023 e 2040, iso si condicionado a determinados usos e ampliando o Goberno central unilateralmente o prazo desde 2033 a 2040. Por outras palabras, se o Concello ingresa 100 e a regra de gasto só lle permite gastar 70 o Estado confíscalle 30 até 2023-2040 e así cada ano”.

Até 2023, o Estado compromete 5000 millóns de euros dos 14.000 que se prevén “requisar” (apenas 1/3) e sen determinar se eses fondos son a maiores dos europeos ou se son 0 ao tirar a parte do financiamento comunitario que lle correspondería aos concellos, que xa se van ver afectados pola mingua nos fondos do primeiro piar da PAC desde 2021. “Novamente os concellos non só non melloran a eiva crónica do seu financiamento, senón que para maior escarnio se lles confisca boa parte do orzamento anual para paliar os problemas de liquidez de Estado e CCAA, ao tempo que se sobrecargan con co-financiamentos para competencias impropias (centro de día, SAF, escolas infantís, colexios de primaria etc.)”.

“Así as cousas, para a maioría dos concellos galegos, agás as cidades, a FEMP e a FEGAMP son instrumentos inservibles e pexados pola miopía das grandes maquinarias partidistas. Novamente os grandes prexudicados somos os concellos pequenos e medianos, así como os do interior de Galicia: seguen financiándonos por habitantes sen atender a superficie (quilómetros de pistas por exemplo), dispersión (número de núcleos de poboación), etc”, lamenta Araújo.

Manifesto Miñor entende que o que procede é reformar a lei para que a totalidade dos fundos municipais, cuxo financiamento é xa extremadamente deficiente e inxusto, estean ao servizo dos entes locais e da veciñanza para poder acometer gasto social e investimentos reais, “imprescindibles perante a crise da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e económicas, que aínda se verán con extrema crueza a partir de 2021”.