Baiona apoia o programa “Ocio para todos” do Centro Juan María

O Concello de Baiona e a Asociación Benéfico Social de Padres y Amigos del Val Miñor, responsable do Centro Juan María, firmaron un acordo de colaboración para desenvolver un programa de servizos a persoas con discapacidade intelectual. Baiona apoia cunha subvención o programa “Ocio para todos” que o Centro Juan María destina a doce usuarios dos tres concellos do Val Miñor e que se está levando a cabo durante este mes de agosto.

O alcalde, Carlos Gómez, e o presidente da Asociación Benéfico Social, José Santoro, firmaron nas dependencias municipais o acordo polo que o Concello de Baiona destina unha partida para sufragar o custe do servizo.

A Asociación Benéfico Social é un colectivo de nais, pais e titores de persoas con discapacidade intelectual que traballan dende hai máis de 30 anos para achegar aos fillos ou tutelados o benestar, a protección, educación e os apoios que necesiten para a súa inclusión social e laboral plena na contorna na que viven.

O Alcalde sinala que “este tipo de programas axuda a mellorar a calidade de vida dos usuarios e das súas familias”. Ademais quixo destacar que a asociación ten unha gran experiencia social e laboral coas persoas con diversidade funcional, e levan anos realizando unha labor fundamental no Val Miñor.