Novo Beachmarket en Panxón coa actuación da Asociación Folclórica Vila de Baiona

O Concello de Nigrán colabora cos comerciantes do municipio na celebración do “Beachmarket” deste fin de semana no espazo municipal Dunas de Gaifar (Panxón). Nesta ocasión desenvolverase durante todo o sábado e domingo (de 11:00 a 22:00 horas) e contará como colofón final coa actuación da Asociación Folclórica Vila de Baiona o domingo ás 20:00 horas. Esta agrupación naceu no ano 1989 da man dun grupo de nais preocupado por manter a tradición popular, iniciándose cun grupo de danza que chegou a ter 150 mozos integrantes e a actuar na Expo92. Na actualidade aqueles alumnos dirixen e manteñen a asociación baixo a dirección na sección de baile de Eduardo Alves de Costa Lojo (ex compoñente do Ballet Galego Rey de Viana) e con diferentes grupos de danza tradicional e as Pandereiteiras de Monteboi. Contan cun importante e variado vestiario que reflicte a vistosidade da indumentaria tradicional galega.