Anuncios
Ticker de novas

Nigrán poñerá ao día as súas normas urbanísticas de 1991

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // A proposta levouse a pleno en febreiro e quedou encima da mesa. En marzo non obtivo a maioría absoluta.

Nigrán logra os votos necesarios para levar a aprobación inicial a modificación número 25 das Normas Subsidiarias (NNSS) de Planeamento Urbanístico do municipio, que datan de 1991, e que será debatida no pleno de mañá xoves.

Para poder seguir adiante coa moción, xa vetada na sesión do pasado mes de marzo debido á falta de concreción nalgún dos seus puntos, é necesario que obteña a maioría absoluta e todo apunta a que será así, despois de que o partido BNG anunciase a súa intención de votar a favor da mesma e non absterse, tal e como fixo na sesión do pasado mes de marzo. Xavier Rodríguez, portavoz nacionalista, argumentou o seu cambio de parecer despois da aclaración do punto relativo ás aliñacións de camiños rurais levada cabo polos técnicos municipais, condición indispensable para que o goberno local obtivese o respaldo do seu grupo.

Antonio Comesaña, de UCN, pola súa banda manterá o seu visto e prace ao considerar que se trata dunha actualización necesaria e que desbloqueará moitas situacións urbanísticas ao considerar que “aínda queda un longo e tortuoso camiño para poder contar co documento urbanístico en firme”. “Falamos dunhas normas de 30 anos de antigüidade e que están moi desfasadas co que a súa adecuación ao contexto legal actual sempre vai ser moi positivo para o municipio e o seu veciños”, explicou.

A postura do alcalde Juan González apenas difire das de BNG e UCN, asegurou que aínda que a redacción do plan está avanzada, non hai feitos en firme que aseguren que estará aprobado definitivamente en 2019, co que a aprobación das NNSS é unha garantía para os veciños. “O PXOM de Nigrán leva 30 anos adiantado e hoxe en día continuamos sen contar co documento finalizado, se non atopamos obstáculos podería estar en vigor para o ano que vén pero tampouco é seguro”, matizou o rexedor. José Cuevas, de ND, asegurou que a súa postura será a mesma que a adoptada en marzo debido á falta de planos que especifiquen en que camiños e de que maneira levarían a cabo as modificacións relativas ás súas dimensións, ademais de consideralas innecesarias ao estar a se tramitar o PXOM. “Tal e como está a documentación manteremos a nosa abstención aínda que somos conscientes de que a proposta ten moitos puntos positivos”, sentenciou. O PP, pola súa banda, non fixo pública a súa postura.

Desta maneira, e a condición de que non se produzan cambios de última hora, Nigrán poderá adecuar a súa normativa urbanística ás necesidades actuais xa que se rexe por unhas aprobadas en 1987, referendadas no 88 e modificadas por última vez en 1991. Esta situación provoca que moitas das normas que están en vigor a nivel autonómico choquen de fronte coas locais. As modificacións que levan atenden sobre todo a aspectos técnicos e en ningún caso afectarían á cualificación de terreos por exemplo a redución do ancho dos viarios rurais de 6 metros desde o eixo a 4, ou a ampliación dalgúns deles que non cheguen ás dimensións mínimas, a rehabilitación de vivendas antigas ou a ampliación dalgunhas rústicas ata nun 50%.

Anuncios