Nigrán ofrece mañá na Carrasca a actuación do Rey Midas e Teatro do Ar

O Concello de Nigrán ofrece mañá venres na Praza da Carrasca unha actuación do Mago Rey Midas ás 20:00 horas na que realizará moitos dos números que fixo nas videochamadas aos nenos que estiveron de aniversario durante o confinamento e aos que o Concello agasallou deste xeito. Posteriormente, ás 21:00 horas, Teatro do Ar ofrece a comedia de acción “Alimentacións Nocivas”, escrita polo director do grupo Pedro Rodríguez Villar e feita coas ideas que esta compañía de Nigrán foi recollendo durante o confinamento.

Por outra banda, o festival para miúdos “Parrulas Fest” continúa hoxe na Foz co catalán Pau Segalés, que dará vida en “Abre os ollos” ao seu número de maxia, humor, misterio, interaccións e ilusións con obxectos e o concerto punk infantil de Peter Punk e Brais das Hortas. Xa mañá venres, Brais das Hortas con “Zona en obras” transmitirá o seu ritmo musical e Cirkompacto dará vida aos dous pobres diaños de “Hell Brothers”. O sábado 15 o “Parrulas Fest” chegará ao final coa maxia e diversión do Mago Paco no seu show “Hocus Pocus” e o espectáculo de clown e escapismo de Pajarito con “A vida tola”.