“A nefasta xestión do alcalde de Baiona reduce o contrato dun técnico de turismo de máis de dous meses a 20 días”

O Partido Popular de Baiona asegura nun comunicado que a actitude “irresponsable” e a “nefasta” xestión que o alcalde de Baiona, o socialista Carlos Gómez, está a realizar no Concello, volve quedar patente na área de Turismo da que el mesmo é o máximo responsable. A “desorganización” e a “pasividade” coa que actúa provocou que unha persoa non poida traballar como técnico superior de turismo na Oficina de Baiona durante máis de dous meses senón, como máximo, durante 20 días. Isto a pesar de que non supón custo algún para as arcas municipais porque está financiado integramente pola Xunta pero si resulta un alivio económico para unha familia.

O motivo segundo os populares é que o Concello non realizou a tramitación oportuna para ofertar esta praza ata esta semana, e iso que os prazos establecidos nas bases da axuda autonómica permitían facelo desde o pasado 3 de xullo. Así mesmo tamén se establece que o contrato non pode ser superior ao 15 de setembro. Por tanto, hai unha persoa que podería estar a traballar desde principios do mes de xullo e ata mediados de setembro na Oficina de Turismo de Baiona e que, por culpa do “caos” con que goberna Gómez, apenas poderá facelo durante dous ou tres semanas.

Os auxiliares da Policía Local, tamén con mes e medio de atraso

Para o PP de Baiona estes atrasos son unha constante no día a día da xestión do goberno local. Os auxiliares da Policía Local chegaron un mes e medio despois da data inicial, é dicir a metade do verán, cando “o lóxico” é que se incremente a seguridade no municipio ao principio da tempada estival para “tranquilidade de todos” pero, sobre todo, para evitar escenas tan lamentables como as ocorridas semanas atrás co botellón. “E especialmente este verán marcado polo Covid-19 onde a vixilancia é máis necesaria que nunca”.

“A perda de subvencións por parte do Concello de Baiona é unha constante e nesta situación non nolo podemos permitir, temos e debemos traballar para axudar aos veciños e esta forma de gobernar baseada na improvisación o único que está a facer é prexudicar á familias que, a pesar da situación, continúan pagando os seus impostos”, apostilan. Precisamente, e como unha mostra máis do deixamento socialista, a finais do mes de xullo Gómez, como presidente da Mancomunidade, tamén perdeu un obradoiro de xardinería (Ecomiñor) que buscaba dar emprego a unha vintena de persoas do Val Miñor.