Nigrán instala iluminación específica en 9 pasos de peóns de zona urbana

O goberno de Nigrán extrema as medidas para eliminar os atropelos en pasos de peóns do municipio investindo 18.000 € en nove sistemas de iluminación específica. O obxectivo é mellorar a seguridade do camiñante e do condutor en viarios onde os pasos non están regulados semafóricamente e resultan especialmente perigosos, cuestión que tamén demandaran as diferentes entidades veciñais. Así, estes reforzos foron instalados por operarios municipais na Ramallosa en Torrente Ballester (2), Avda. Portugal (1), Manuel Lemos (2); en Panxón en Arquitecto Palacios e Cidade de Vigo; en Nigrán fronte á Praza do Concello e PO-552.

Os conxuntos de reforzo lumínico son de iguais características aos instalados pola Deputación nos viarios provinciais co obxectivo de manter a mesma estética. Así, constan dunha columna de iluminación led de ata 6 metros de altura que ten integrada unha placa decorativa de aceiro inoxidable brillante co escudo do Concello de Nigrán cortado a láser.

“Ao igual que os lombos, unha correcta iluminación nos pasos de peóns é un punto crave para a seguridade viaria, tanto para o vehículo que circula na calzada como para o peón. Isto é especialmente importante onde non se dispoña de semáforo, pois o peón cruza cando non se achega ningún vehículo, polo tanto, se a iluminación non é axeitada o vehículo pode non divisar ao camiñante provocando un accidente ou atropelo”, incide o alcalde, Juan González.