Un verán sen as Xeiras do IEM

O Instituto de Estudos Miñoráns este verán, por causa da pandemia, non ten programada ningunha actividade. Desde a entidade están valorando si se podería facer no mes de agosto algunha xeira controlada, alomenos unha en Nigrán, en Gondomar e en Baiona, en espazos abertos e amplos e con condicións de distanciamento e medidas de seguridade (máscara).

“Lamentamos esta ausencia de actividades pero temos que ser cautos e tomar todas as medidas de prevención que se recomendan, co que nos resulta difícil levar a cabo as xeiras do verán. Facelas con grandes límites de asistentes (máximo 20 persoas) non é unha opción que barallemos, pois estaríamos discriminado a moitas/os socias e socios, que terían preferencia, e que non poderían asistir dado a redución no número de asistentes”, sinalan desde o IEM.

Agardan que en outono se poidan mellorar as condicións e poder levar a cabo unha programación na que xa están traballando. “Polo de agora a prevención e a saúde ten que primar sobre as ganas de compartir experiencias xuntos. Animamos á xente a que revisite pola súa conta o rico patrimonio natural e cultural do Val de Miñor, respectando as medidas de seguridade e a propia contorna”.