O PP apoia a adhesión de Baiona á Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público

Converter a Baiona nun municipio para as persoas, accesible, con espazos públicos abertos e zonas verdes foi unha constante durante as diferentes lexislaturas do Partido Popular local e continuará séndoo tamén desde a oposición. Así o afirman desde o grupo municipal, que votou a favor no último pleno da incorporación de Baiona na Rede Ágora da Deputación de Pontevedra. Unha iniciativa dirixida a que os concellos aposten crear lugares onde a prioridade téñana as persoas e os medios de transporte ecolóxicos en lugar daqueles a motor.

“Sempre que este sexa o fin o goberno local contará co noso apoio aínda que resulta curioso e contraditorio que, con todo, deixasen escapar os 1,1 millóns que o goberno popular da anterior lexislatura deixou xestionados e aprobados coa Consellería de Infraestruturas para levar a cabo uno dos proxectos máis importantes dos últimos anos para Baiona como é a humanización de toda a contorna da Praza Victoria Cadaval (3ª fase), que a convertería en zona de total accesibilidade. Unha obra que se sumaría á da praza de abastos que proximamente será inaugurada e que xa non poderá ser porque o actual equipo de goberno non realizou a tramitación administrativa oportuna para poñer ao dispor da Xunta os terreos incluídos nesa reforma”, lembran desde o grupo municipal.

A remodelación do núcleo urbano de Sabarís era un proxecto ambicioso e novo moi demandado polos veciños que cambiaría positivamente a imaxe desta parroquia baionesa e permitiría, precisamente, a creación deses espazos públicos e peonís que se buscan coa Rede Ágora que “esperamos tamén estea dotado de partidas económicas que non deixe pasar o goberno local e tómellas con máis seriedade”.

Na última década os distintos gobernos locais do PP traballaron nesta liña creando, entre outros proxectos, un carril bici ao longo de toda a costa baionesa co fin de “potenciar o uso da bicicleta no día a día”, levaron a cabo melloras en prazas como a do Pai Fernando ou a creación da alameda da Carabela Pinta. Tamén se executaron humanizacións como as das rúas Areas e Julián Valverde de Sabarís ou as de Cidade de Vigo, Laureano Salgado e Marqués de Quintanar, ademais da senda peonil que conecta Baiona coa parroquia de Baredo, o paseo que rodea o Parador e a instalación do ascensor no edificio consistorial. Sen esquecer outros proxectos pendentes de execución e que o actual goberno aínda non levou a cabo.