Comezan os traballos de extensión da fibra óptica en Gondomar

As distintas reunións mantidas entre o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e responsables das empresas Orange e Movistar para a implantación da fibra óptica no municipio, acaban de frutificar.

Segundo informa o rexedor, responsables das empresas confirmaron que comezan os traballos de extensión de fibra para todo o centro de Gondomar, incluídos os barrios próximos como os de Ameixeira, O Bravo, etc, que darán servizo a uns 5.000 veciños, a través de Orange. “Certamente as parroquias terán que esperar para dispoñer de fibra, podendo facelo a través de routers 4 G, que indiscutiblemente mellorarán moito a súa cobertura, xa que a fibra liberará e mellorará o servizo”, afirma Ferreira.

Por outra banda Movistar comezou tamén cos traballos de extensión de fibra en Gondomar, que dará servizo a gran parte do municipio, incluído o centro e as parroquias, todo iso froito de varias reunións entre os rexedores de Gondomar e Nigrán cos responsables da empresa para desbloquear o servizo que se viu interrompido polas obras da senda peonil-carril bici na estrada de Gondomar a Ramallosa.