Rap y música urbana para sensibilizar a la juventud de Nigrán sobre las desigualdades de género

O Concello de Nigrán empregará o rap e estilos afíns (trap, R’n’b, EDM, reggaeton…) para sensibilizar entre a mocidade sobre as desigualdades de xénero e a violencia aparellada. Deste xeito, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) ofrece gratuitamente desde o 17 deste mes “Obradoiros de Rap e música urbana” a cargo da escola de música de Nigrán “Gain Over”, composta por artistas locais de bandas tan recoñecidas como Blue Monk. O prazo de inscrición arranca mañá mesmo e está destinados a persoas con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos, tendo prioridade os empadroados (no caso de vacantes poderán participar de outros municipios). Os obradoiros están financiados polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, realizándose no CEIP Humberto Juanes.

“Cremos que, precisamente a través da música que a mocidade acostuma a escoitar e de músicos moi coñecidos en todo o Val Miñor, podemos chegar a eles máis facilmente con mensaxes que rachen cos estereotipos de xénero e que preveñan a violencia. Eles mesmos son os actores do cambio que queremos promover”, resume Patricia Diego, edil de Igualdade.

A través deste recurso pedagóxico innovador preténdese sensibilizar á mocidade sobre as desigualdades de xénero e promover a crítica social ante esta violencia, sendo os obxectivos máis específicos que o alumnado aprenda a identificar tópicos sexistas, previr noivados abusivos e convertelos a eles mesmos en protagonistas do cambio. Durante o obradoiro gravarán e producirán un vídeo-clip musical con letra centrada neste contexto e que se distribuirá a través das redes sociais para achegar o proxecto a toda a poboación.

En total desenvolveranse en catro quendas cunha duración de 10 horas e cun máximo de 10 participantes cada unha nas seguintes datas: do 17 ao 21 de agosto (10:00 a 12:00/12:00 a 14:00) e do 25 ao 31 de agosto (10:00 a 12:00/12:00 a 14:00). O período de inscrición comeza o día 6 de agosto e remata o día 14 de agosto no caso dos obradoiros que se desenvolven entre o 17 e o 21 de agosto, nos que teñen lugar do 25 ao 31 de agosto o período de inscrición rematará o día 21 de agosto. As persoas interesadas deberán remitir a folla de inscrición (poderán descargarse no Facebook Cim de Nigrán, Facebook OMIX Concello Nigrán, Instagram OMIX Nigrán ) acompañada da copia do DNI ao seguinte enderezo electrónico: cim@nigran.org.