
O incendio declarado este domingo en Monteferro sáldase con 0,15 hectáreas de terreo afectado. As chamas producíronse nunha das ladeiras, a escasos metros do miradoiro e próxima ao merendeiro, sendo visibles desde distintos puntos da comarca, especialmente desde o municipio veciño de Baiona, desde onde multitude de veciños e visitantes deron a voz de alarma, aínda que a rápida intervención dos servizos de emerxencia evitou a súa propagación.
Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o aviso produciuse ás 23:03 horas, despregándose acto seguido un dispositivo de extinción composto por 2 axentes, 5 brigadas e 6 motobombas. Ata o lugar tamén se desprazou o GES do Val Miñor e axentes da Policía Local de Nigrán. O lume quedou controlado unha hora despois, ao redor das 00:15, aínda que non se deu por extinguido ata as 2:58 da madrugada. Resultaron afectados 1.000 metros cadrados de monte raso e 500 de arboledo.
O alcalde, Juan González, que tamén se achegou ata a zona para seguir as tarefas de extinción, sinalou esta mañá que foi un “pequeno susto que nos ten que ter moi alerta”. Así mesmo quixo destacar o gran traballo do GES, das Brigadas de Medio Rural, Policía Local e da Comunidade de Montes de Monteferro, “que ten limpo o monte e iso axudou e moito”.