Felipe Orts dá lustre en Gondomar á primeira edición da Xacobeo 2021

O vixente campión de España de ciclocrós inaugurou este sábado en Gondomar o palmarés da Xacobeo 2021 para corredores Elite e Sub23. O alacantino Felipe Orts, do conxunto galego Gsport-Velofutur, foi o máis rápido dun grupo de 20 unidades que se xogou a vitoria na primeira edición da carreira de categoría estatal organizada polo Vigo-Rías Baixas. Marcos Jurado (Supermercados Froiz) e Thomas Armstrong (Telcom), segundo e terceiro respectivamente, completaron o podio.

O conxunto anfitrión asumiu o seu papel de favorito e marcou o ritmo á fronte do pelotón durante case toda a xornada, pero a estrutura presidida por José Luis Chamorro non atopou no desenlace da carreira a recompensa buscada e tívose que conformar coa quinta posición de Mauricio Moreira e a sexta de Joan Nicolau.

Nos 145 quilómetros de percorrido polas comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño non houbo tregua e os corredores rozaron unha media de 42,5 km/h con seis dificultades montañosas e un desnivel acumulado superior aos 2.000 metros. Antes de que arrancase a proba, a organización someteu a un control de temperatura individual aos 168 participantes.

A Pasaxe e Nipocar Toyota

O numeroso público que seguiu a proba, especialmente nos portos, puido ver en acción a representantes de 31 equipos do panorama amateur español. A primeira metade da carreira tivo como protagonistas a dous fuxidos. Gustavo Rodríguez (Louriña) e Arnau Riba (Telcom) abandonaron a disciplina do pelotón no primeiro porto da xornada e rodarían 70 km fuxidos. O tudense Rodríguez aproveitou esta escapada para pasar en primeira posición polo Polígono da Pasaxe e anotarse o primeiro Premio Especial da Xacobeo 2021.

O dúo de cabeza chegou a gozar dunha vantaxe de 1 minuto e 45 segundos respecto ao grupo principal do que tirou en todo momento o Vigo-Rías Baixas. Tras coroar á fronte da carreira os altos de Baíña e de Cruz da Portela, a aventura de Rodríguez e Riba. Antes de ser neutralizados acompañounos na fuga durante un par de quilómetros o vencedor final Felipe Orts.

A unidade do pelotón rachouse no alto de Tebra, onde Javier Chacón (Brócoli) apuntouse o Premio Especial concedido polo concesionario Nipocar Toyota. Dentro do último terzo do percorrido sucedéronse os ataques, pero ningún callou no circuíto final que incluía o ascenso a Couso, coa súa cima a 5 km da chegada. A resolución da Xacobeo 2021 ía ser unha cuestión de velocidade e unha vintena de corredores lanzáronse con valor no descenso camiño a Gondomar.

Recuperación vitoriosa

A pesar de sufrir nas últimas ramplas de Couso, o gañador demostrou a súa habilidade para colocarse para a recta final superar a Jurado e a Armstrong. “Paseino un pouco mal ao final do repeito e na baixada mesmo cheguei a ir un pouco cortado”, sinalou Orts, a gran estrela na actualidade do ciclocrós español e que durante a tempada de estrada defende as cores do Gsport-Velofutur.

Francisco Ferreira e Nuria Lameiro, alcalde e concelleira de Deportes de Gondomar, coroaron ao vencedor nunha cerimonia de premiación na que tamén participaron Santos Héctor, deputado provincial; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; Javier Díaz, presidente do Polígono da Pasaxe; Darío Arias, xerente de Nipocar Toyota; e José Luis Chamorro.