A Xunta transfire ao Concello de Nigrán as rúas Otero Pedrayo e do Mariñeiro

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Estado das beirarrúas en Otero Pedrayo.

O Consello da Xunta autorizou este xoves o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Nigrán, do tramo da estrada autonómica PO-333, entre os puntos quilométricos 0 e 1+110 e o 1+200 ao 1+760. Trátase da rúa Otero Pedrayo e a rúa do Mariñeiro, tramos integrados no tecido urbano deste municipio pontevedrés.

O Concello manifestou ao departamento de Infraestruturas da Xunta o seu interese por este cambio de titularidade, sendo informado favorablemente polos servizos competentes da Axencia Galega de Infraestruturas.

A transferencia a prol do concello pontevedrés destes treitos do viario autonómico tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que debe ser aprobado mediante decreto da Xunta, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas.

Co cambio de titularidade aprobado hoxe polo Executivo autonómico, o Concello de Nigrán terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Pola súa parte, a Xunta de Galicia seguirá investindo na rede autonómica de estradas ao seu paso polo concello de Nigrán. Son as vías de titularidade autonómica as que vertebran a mobilidade deste municipio e que permiten a súa conexión co exterior.

Só nos últimos tres anos, a Xunta de Galicia leva investidos máis de 3 M€ en obras que melloran a funcionalidade e a seguridade da rede autonómica de estradas ao seu paso por este concello.

Estase a realizar un importante esforzo inversor para mellorar a funcionalidade e a seguridade viaria de estradas como a PO-325, a PO-552 ou a PO-340. Máis en concreto, recentemente executáronse sendas na PO-325, na zona de Monte Lourido; na PO-552, en Priegue e nas proximidades do enlace coa AG-57; así como na PO-340, entre Gondomar e Ramallosa. Tamén se está a traballar no reforzo do firme e na mellora da seguridade viaria, coa eliminación dun treito de concentración de accidentes, na PO552 ao seu paso por este concello.

O cambio de titularidade destes treitos da estrada PO-333 será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega formalizarase mediante a sinatura da acta de entrega, no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia.