Contos pola igualdade con Raquel Queizás en Baiona

Os xardíns da Casa Museo da Navegación de Baiona acollerán este venres 31 de xullo ás 20:00 horas unha sesión de contacontos da man de Raquel Queizás baixo o título “Somos Iguais. Contos pola Igualdade”. A actividade está dirixida ao público familiar e recomendable a partir de catro anos. A actividade está organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, e financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

Nesta obra Queliña quere ser aviadora, gústalle vivir aventuras e contar historias. De pequena estaba farta de escoitar contos de princesas rosas e apoucadas e de príncipes azuis e insensibles e un día dixo basta xa. Puxo o gorro e os anteollos de pilota e foi buscar contos para demostrar que nenas e nenos somos iguais. Si, igual de valentes e igual de sensibles.

Descubriremos historias de nenas e nenos (ou animais) que rompen os estereotipos que abundan nos contos; nenas decididas, nenos sensibles. Identificaremos situacións as que nos temos que enfrontar día a día, na escola, na casa, coas amigas e amigos, … onde a violencia ou a agresividade física e verbal pode ter solución grazas á palabra e gozaremos brincando coa imaxinación que nos une.

Dende a nenez pódese previr todo tipo de violencia mediante novos modelos de feminidade e masculinidade rachando así cos roles e estereotipos asignados.