Nigrán festexa San Fiz con actividades infantís e o concerto de “A Banda da Loba”

O Concello de Nigrán abre mañá ás 20:00 horas na Praza do Concello os festexos de San Fiz, patrón do municipio, co Pallaso Popín e a gran estrea de “O Estrano caso do dentista da rúa Brasov”, de Troula. As actividades infantís continuarán o venres 31 de xullo no mesmo horario e localización con Rey Midas e Valeria Varitas, que ofrecerán parte da maxia que regalaron por videoconferencia aos nenos de aniversarios durante o confinamento.

Xa no propio día de San Fiz, sábado 1 de agosto, as actuacións trasladaranse ao seu lugar orixinal, o Torreiro do Ceán, onde o Concello ofrecerá o concerto da Banda de Música de Vincios ás 13:00 horas e, como vén sendo tradición, estará acompañado de pulpeira. A programación remata co gran concerto ás 22:00 horas de “A Banda da Loba” dentro da súa xira “Fábrica de Luz”, o seu segundo traballo discográfico dedicado a homenaxear á figura da “nai” no sentido amplo do termo.

O quinteto xa estivera en Nigrán presentando o seu primeiro disco “Bailando as rúas” e continúa coa súa aposta musical ecléctica na que ten cabida o folk, pop, rock e os ritmos latinos. As letras son case todas propias, firmadas polas irmás Andrea, Marcela e Lara Porto, tres poetisas precoces cun currículo inmenso de premios literarios. Ademais, o disco inclúe tamén dous poemas musicados de Rosalía de Castro, “Tecín soia”, e de Manuel María, “A casa”. Ademais, varias das letras están inspiradas por outras autoras galegas que para o grupo son referentes, como Xela Arias, Celia Parra, Andrea Nunes ou María Victoria Moreno.

“Trátase do patrón do municipio e este ano será diferente por mor do Covid-19 pero non por elo deixamos de festexalo”, resume o rexedor, Juan González.

2020-07-29 - Cartaz_San_Fiz_2020_1.0