O Vigo-Rías Baixas realizará este domingo o Camiño Portugués desde A Guarda ata Santiago

Esta fin de semana será moi especial para o Vigo-Rías Baixas. A entidade que preside José Luis Chamorro organizará o sábado en Gondomar o Xacobeo 2021 – Campionato de Galicia Elite-Sub23 e ao día seguinte os seus corredores volverán darlle aos pedais, pero non de forma competitiva, para realizar o Camiño Portugués desde A Guarda ata Santiago. Todos os amantes da bicicleta que o desexen poderán sumarse a esta peregrinación.

A iniciativa xorde como apoio da estrutura con sede en Vigo ao ano Xacobeo que arrincará dentro duns meses. Ante a incerteza xerada pola COVID-19, o conxunto flúor quere dar visibilidade á importancia económica e cultural que o Camiño de Santiago ten para Galicia.

O roteiro desde o sur da provincia de Pontevedra ata a capital autonómica alcanza os 145 quilómetros de lonxitude. O pelotón poñerase en marcha ás 09:00 horas e despois de atravesar localidades como Baiona, Nigrán, Vigo, Pontevedra e Padrón, a chegada á Praza do Obradoiro está prevista para as 15:00 horas.

Nesta xornada de convivencia participará o persoal Elite-Sub23, o equipo júnior e o resto das categorías do Vigo-Rías Baixas. Os interesados en acompañar aos corredores da escuadra olívica deben poñerse en contacto coa organización deste evento a través do teléfono 629 06 35 55.