Anuncios
Ticker de novas

Baiona recibe ao seu dobre campión do mundo de Vela

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Raúl Costas, Gonzalo Martínez e Ángel Rodal.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e o concelleiro de Actividades Marítimas, Raúl Costas, recibiron este xoves ao novo deportista Gonzalo Martínez tras proclamarse hai uns días campión do mundo xuvenil da clase Vaurien en augas de Polonia.

Os edís felicitaron ao regatista despois de que conseguise revalidar o título acadado hai un ano en Portugal xunto ao seu compañeiro Tirso Cerqueira. Ambos os dous deportistas tamén lograron desta vez o sexto posto na clasificación absoluta que estivo dominada polos vigueses Pablo Cabello e Javier Lago.

“Na derradeira proba tivemos moi mala sorte, posto que o quinto posto xa o tiñamos na man. Aínda así o resultado é moi bo e estamos moi contentos”, asegurou Gonzalo Martínez, de 19 anos e formado na canteira de navegantes de Baiona.

Gonzalo, que navega baixo o Club Marítimo de Canido e comezou na vela na entidade deportiva baionesa, agradeceu o recibimento por parte do rexedor e o edil e destacou “a ilusión de ser recoñecido no lugar onde iniciei a miña traxectoria deportiva”. Pola súa banda, o alcalde indicou que “para nós é un orgullo que os deportistas formados en Baiona cheguen as máis altas cotas e agardamos que continúe a lograr éxitos no futuro próximo”, indicou o alcalde.

A aventura náutica de Gonzalo Martínez comezou en 2007 cando apenas tiña 7 anos. Martínez, que foi alumno da escola municipal de vela de Baiona, pronto empezou a destacar neste deporte náutico cando tomou as súas primeiras clases. A súa traxectoria ascendente queda patente con numerosos éxitos, dende o cuarto posto no Mundial de Vela Lixeira de Sanxenxo no 2013, un noveno posto no Mundial de Italia en 2014 e o terceiro posto en Holanda 2015 ata os títulos xuvenís en Portugal 2016 e Polonia 2017.

Anuncios