Zona Franca orza para os próximos anos 352 millóns de euros

Un aumento na cifra de investimentos plurianuais de doce millóns de euros respecto ao ano anterior é o máis destacado da sesión anual de aprobación de orzamentos da Zona Franca que hoxe tivo lugar na sede do Consorcio presidida polo alcalde de Vigo. Como explicou na súa presentación o delegado do Estado, David Regades, este aumento significativo que segue posicionando a esta institución como principal organismo investidor de toda a provincia, fundamentalmente débese á achega, para paliar as consecuencias da Covid19, de cinco millóns á sociedade de capital-risco Vigo Activo e ás partidas previstas para realizar o novo parque empresarial da Garrida.

Tal e como se informou a todos os vogais que de forma presencial e telemática asistiron a este Pleno, en primeiro lugar e para ser remitidos ao Ministerio de Facenda para a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado, as actuacións reflectidas nestes orzamentos e a súa cuantificación fan referencia aos importes orzados para o exercicio 2021. Ademais, dado que as grandes actuacións que leva a cabo a Zona Franca na maioría dos casos abarcan varios anos, para considerar o seu verdadeiro alcance é necesario reflectir os investimentos previstos en varios exercicios polo que o resumo de actividades realízase cunha previsión plurianual para o período 2020-2024. Deste xeito, o orzamento de investimento que se contempla para o ano 2021 reflicte en primeiro lugar a cifra de 58.683.554 euros, cifra que no horizonte do ano 2024 alcanza a cantidade de 351.937.356 euros. A clara vocación de Zona Franca como axencia de desenvolvemento económico que dedica a maior parte dos seus recursos e esforzos á promoción de chan e equipamento para empresas queda patente nas principais partidas destes orzamentos.

Da súa xestión, Regades destacou que “estes ambiciosos orzamentos contemplan que o Consorcio financiará os seus programas de investimento en 2021 con recursos propios, sen necesidade de recorrer ao financiamento alleo mediante ningún endebedamento”.

ORZAMENTO DE CAPITAL 2021: 58 MILLÓNS DE EUROS

Para o exercicio 2021, ademais das actuacións previstas relacionadas coa dotación de chan destinado á venda para o asentamento e desenvolvemento de actividades empresariais na súa área de influencia, que non forman parte do orzamento de capital porque se inclúen no apartado de “aprovisionamentos” da conta de resultados e que ascenden a 6,8 millóns de euros para 2021, o Consorcio ten previsto realizar en 2021 outro conxunto de actuacións que tamén perseguen primordialmente o impulso da actividade empresarial e a xeración de emprego e que teñen na súa maioría o tratamento orzamentario de inmobilizado ou investimentos inmobiliarios e que ascenden en total a 52 millóns de euros, aproximadamente. Estes investimentos inclúen por unha banda obras na mellora dos diferentes polígonos industriais como os de Balaídos e Bouzas nos que está prevista a realización de importantes obras de modernización de diferentes naves industriais, a ampliación da superficie de dous parques industriais en Vigo (o Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares e o de Balaídos) e a construción de novas naves industriais para poñer ao dispor das empresas en Porto do Molle e en PLISAN. Entre as intervencións urbanas en 2021, destaca a actuación para a transformación do aparcamento robotizado e a nova construción sobre o solar na Rúa Real en Vigo adquirido en 2020. A construción do edificio de oficinas en Vigo que albergará, entre outros, o World Car Center é outra das actuacións principais para 2021. Especial mención merecen as obras de acondicionamento dos edificios de Rúa Areal e Rúa Oporto (Reitorado) que foron adquiridos en 2020 e constituirán a futura sede do Consorcio. A rehabilitación do edificio Siemens na ETEA para albergar o proxecto Marina e a participación no proxecto da Panificadora, completan esta lista de investimentos especialmente orientados á creación de dotacións para o crecemento e mellora da competitividade empresarial en Vigo.