A Plataforma Solidaria Didáctica do Val Miñor cumpre un mes de actividade con máis de 50 alumnos

A Plataforma Solidaria Didáctica comprácese en comunicar que o programa gratuíto de reforzo escolar para familias necesitadas como consecuencia do COVID-19 iniciado fai tres semanas para nenos e nenas de Primaria e fai dúas para mozas e mozos de Secundaria cumpre a satisfacción de todos o seu primeiro mes de actividade.

En Primaria funcionan 7 aulas con 35 nenos atendidos por 12 docentes que imparten dúas sesións semanais de dúas horas en tres Centros Culturais: o Liceo Marítimo de Baiona, o Casino de Sabarís e o Centro Cultural O Torreiro de Priegue. En Secundaria hai 8 grupos con 19 alumnos atendidos por 14 docentes que imparten as materias de Matemáticas, Lingua, Química, Inglés e Francés en cinco centros, os mesmos centros que en Primaria, incorporándose os Centros Culturais de Baredo e Camos. Como se deduce dos cocientes alumno/docente, a docencia é altamente personalizada e cun elevado grao de profesionalidade, tanto pola formación como pola experiencia dos voluntarios.

Adicionalmente e grazas á colaboración solidaria da organización “Ciencia en Movemento” iniciaranse en todos os grupos a partir do próximo luns, 27 de xullo, sesións de estímulo ao interese e curiosidade pola Ciencia e a Física a través do “Museo da Ciencia Itinerante”. O lema destas sesións é “Prohibido non tocar”, e nelas os nenos e nenas poderán experimentar lúdicamente a maxia da física a través de dez sinxelos aparellos prodixiosos.

A Plataforma Solidaria Didáctica de Val Miñor agradece unha vez máis a todos os que fixeron posible este marabilloso proxecto: os Centros Culturais, os voluntarios docentes, as doantes e xornalistas solidarias, os docentes en activo e as AMPAS que colaboraron e os Concellos de Nigrán e Gondomar. “Un proxecto no que tanto alumnos como voluntarios estamos a nos enriquecer mutuamente e a través do cal demostramos que cando a Sociedade Civil se auto-organiza, pódense alcanzar metas ambiciosas. Que ningún neno quede atrás!”, sinala Betty León, coordinadora do proxecto.