Magical e Deep Blue chegan na cabeza á xornada final do Conde de Gondomar

O Dufour 34 Deep Blue 2.0 do Real Club Náutico de Vigo, liderado por Vicente Cid, resultou vencedor este sábado en Baiona da segunda xornada do 45º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell, que se celebra estes días nas Rías Baixas baixo a organización do Monte Real Club de Yates.

A pesar de que o vento se fixo de rogar nos primeiros minutos, forzando un aprazamento que atrasou ata corenta minutos a hora de saída prevista, unha vez que a frota deixou a baía de Baiona rumbo ao Camouco, todo desenvolveuse con moitísima axilidade. A subida cara a Ons foi moi rápida e a baixada de regreso, salvo por unha caída momentánea do vento, foi un auténtico correrrúas.

O Salseiro de Manuel Blanco (RCN A Coruña), o Deep Blue de Vicente Cid (RCN Vigo), a Burla Negra de Juan José Martínez (CN Castrelo), o Fend la Bise de Jean Claude Sarrade (MRCYB) e o Unus de Luis García Trigo (MRCYB) foron os máis rápidos durante todo o percorrido, situándose sempre na cabeza e a bastante distancia do resto da frota.

Os coruñeses do Salseiro (Dehler 44), primeiros en alcanzar o Camouco ás tres e cuarto da tarde, dúas horas e media despois de saír de Baiona, cruzaron a liña de chegada ás 16:31, asinando as algo máis de 27 millas de distancia da proba en menos de catro horas.

Foron os máis rápidos en completar a distancia pero non lograron a primeira posición da clasificación prexudicados pola compensación de tempos, que favoreceu aos Dufour 34, Deep Blue e Burla Negra, ambos os dous do náutico vigués, primeiro e segundo na clasificación provisional.

En terceira posición vai o Fend la Bise de Jean Claude Sarrade, do Monte Real Club de Yates, outro dos veleiros que chegará á xornada final con posibilidades de facer podio se logra bordar os barlosotas, que todo apunta a que estarán moi rifados.

Na competición dos J80, o Alboroto de Juan Ameneiro, co campión de España Javier Aguado a bordo, foi o máis rápido entre os monotipos de 8 metros, cruzando a liña de chegada ás 16:48 e logrando sacarlle ao resto bastantes minutos. En segunda posición quedou o Cansino de Fernando Yáñez e o Miudo de Sergio Golpe quedou terceiro. Todos forman parte da frota habitual de J80 do Monte Real Club de Yates.

Na clasificación en tempo real dos Fígaros, que tamén compiten en compensado cos ORCs, o podio provisional quedou conformado polo Bouvento de Leopoldo Llorente, que vai na cabeza seguido do Serralleiras de Patricio de Haz e o Tutatis de Agustín Marquina, en segunda e terceira posición respectivamente.

Tras a conclusión desta segunda xornada de percorrido costeiro, unicamente quedan xa por celebrar as dúas últimas probas da competición, que serán moito máis técnicas, con percorridos entre boias do tipo barlovento sotavento. Disputaranse mañá domingo a partir do mediodía no fondeadoiro das Illas Cíes e delas sairá a clasificación final definitiva.

Xunto ao Deep Blue, vencedor da regata de hoxe, chega líder ao desenlace desta nova edición do Conde o Magical de Julio Rodríguez, gañador da primeira etapa ata o Carrumeiro Chico, celebrada o pasado venres. O Swan 42 do Real Club Náutico de Vigo colocouse na cabeza tras lograr superar en tempo compensado ao Yess Too do portugués Rui Ramada, que foi o gañador en tempo real por apenas dous minutos de diferenza cos vigueses.

O patrón do Magical, Julio Rodríguez, augura unha final moi disputada e emocionante, como asegura que foi a travesía ata a rocha de Corcubión. “Disputamos unha regata moi dura con rivais moi fortes, con moito vento e moita onda. Era a primeira que faciamos co Magical, e demostrou ser un barco moi rápido e que pode defender ben o alto rating que ten”, asegurou o líder do Swan 42, quen tamén explicou que estiveron a piques de pasar ao Yess Too, pero que unha rotura de spy cando estaban a chegar en Cíes impediulles superar aos portugueses.

Unha vez finalizada a competición de mañá domingo, o Monte Real Club de Yates, organizador da competición, acollerá nas súas instalacións a entrega de premios aos gañadores. A ela asistirán o presidente e comodoro do club, José Luis Álvarez e Ignacio Sánchez Otaegui; e varios representantes de Banco Sabadell, patrocinador do evento. Estarán presentes José Manuel Vieites, conselleiro de SabadellGallego; Pepe Celada, director de Banca Privada Galicia Sur de Banco Sabadell; o director de grandes empresas de Galicia Sur, Ramón Correa; e Adolfo García- Ciaño, director rexional de Banco Sabadell.