Sin categoría

Carlos Núñez ofrecerá un concerto íntimo no miradoiro de Monteferro

O Concello de Nigrán ofrece na súa programación especial de agosto “Nigrán, equilibrio natural” o concerto estelar de Carlos Núñez o sábado 15 no miradoiro de Monteferro dentro da súa xira “Lugares Máxicos” e como parte do circuíto Cultura no Camiño. Será un evento cun aforo moi reducido por mor das circunstancias sanitarias e polo propio espírito destes concertos nos que o músico galego busca unha especial sinerxia entre o público e a natureza facéndoo coincidir no momento do solpor, xa que arrancará ás 20:30 horas. As entradas están á venda a través de Ataquilla cun custe de 20 euros.

“Estamos moi orgullosos de poder traer a Carlos Núñez a Nigrán e precisamente ao miradoiro de Monteferro, xuntamos ao mellor gaiteiro do mundo no que nos consideramos o mellor escenario do mundo, desta unión só pode saír maxia”, incide o alcalde, Juan González.

“Monteferro é un deses paraísos onde as veces veño a tocar, pero na intimidade, só para min e para a natureza. Porque ten un dos solpores mais impresionantes do mundo. A diferenza cos de lugares como Bahía, Rio de Janeiro, ou California é que, mentres que alí a xente aplaude como se o sol e a terra ofrecesen un show, nós cecais sentimos ese intre como unha cerimonia. Segundo os nosos arqueólogos, os antigos habitantes de Monteferro e dos castros da costa de Galicia xa sabían moito de todas estas cousas…. Por iso, neste concerto cumprirei o soño de compartir esas experiencias cos meus amigos músicos e co noso querido público. Seremos unha gran familia!”, sinala o propio Carlos Núñez, quen ten tocado dentro desta xira “Lugares Máxicos” en espazos tan singulares como o Mosteiro de Oseira, o Dolmen de Dombate ou a Catedral de Mondoñedo.

Co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comuñón coa contorna.

Medidas de seguridade

O concerto seguirá rigorosamente todas as medidas de seguridade Covid-19, con distanciamento entre asistentes non convivintes, direccións de entrada e saída diferentes, uso obrigatorios de máscaras… Recomendando a organización encarecidamente chegar ao concerto con antelación suficiente para evitar calquera aglomeración, polo que o recinto estará aberto desde unha hora antes.