Baiona reparte outros 50 composteiros individuais entre a veciñanza

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Rural, e na aposta pola compostaxe como método de tratamento de residuos orgánicos, entregou esta semana 50 composteiros individuais cedidos por Sogama.

No ano 2019 o Concello de Baiona adheriuse ao programa de compostaxe doméstico de Sogama, polo cal a entidade cedeu 50 composteiros á veciñanza. Neste ano 2020 seguen co proxecto e repartíronse outros 50 máis, polo que xa levan 100 composteiros individuais de 400 litros de capacidade e fabricados en plástico reciclado a persoas veciñas de Baiona que dispoñan dun terreo onde instalalo, polo que seguen crecendo neste proxecto que ten tan boa acollida, eliminando así gran parte dos residuos orgánicos da bolsa negra.

O obxectivo é a transformación dos restos orgánicos producidos no domicilio en compost, un fertilizante natural cunhas excelentes propiedades para seu uso no solo e a diminución dos quilos de lixo orgánico depositados no contedor verde.

Cabe lembrar que o Concello de Baiona dispón así mesmo de 3 centros de compostaxe comunitaria, ao amparo do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, situados no parque do barrio de Os Tendais, na rúa Burgo e no Camiño do Carme en Sabarís, que funcionan con grande éxito de participación. En breve poñerase en funcionamento outro centro de compostaxe situado xunto á Galiña Azul, xa que existía bastante demanda de outro máis porque os xa existentes eran poucos para cubrir ás necesidades dos veciños/as.