Nigrán instalará en Panxón o seu segundo “peixe traga-plásticos”

O Concello de Nigrán instalará esta semana o seu segundo “peixe traga-plástico” en Panxón, obra do artista René de la Jara, responsable do mercado multicultural que cada ano se sitúa en Praia América e quen realizou tamén o colocado a inicios de mes nesa zona do areal. A escultura a base de guías metálicas presenta unha abertura onde os bañistas deben depositar calquera refugallo de plástico que atopen na area; o obxectivo é dobre, por unha banda visibilizar e concienciar da cantidade de lixo que se deixa tirado e que acabaría no mar e, por outro, colleitalo e reciclalo. O obxectivo é dispoñer o vindeiro verán de catro en total en toda a praia. O Concello de Nigrán dá así un paso máis no seu empeño de concienciar e apelar á responsabilidade da propia cidadanía para manter os areais limpos.

Paralelamente, o Concello instalou novamente este verán en Praia América, Patos, A Madorra e Area Fofa os 15 “recolle-cabichas” artesanais feitos o ano pasado con material de refugallo por nenos que asistiron aos obradoiros infantís do mercado de Praia América e tamén por usuarios-traballadores do CEE Juan María.