Baiona acolle o nacional de J80 no marco do Trofeo Repsol do Monte Real

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación do Trofeo Repsol.

A baía de Baiona acollerá, a partir do próximo sábado e durante catro días, o Campionato de España da clase J80, que o Monte Real Club de Yates organiza este ano por delegación da Federación Española de Vela. A competición, presentada esta mañá en rolda de prensa, desenvolverase no marco do Trofeo Repsol, a tradicional regata de primavera do club baionés que neste 2018 cumpre a súa cuadraxésimo primeira edición.

Tras unha xornada previa, o venres 27 de abril, reservada para o rexistro e pesada das tripulacións, e medición e control de velas; as probas programadas, un total de 11, empezarán a disputarse o sábado día 28 a partir das tres da tarde. O domingo 29, o luns 30 e o festivo do primeiro de maio a frota terá que madrugar algo máis xa que os bocinazos de saída escoitaranse ás once da mañá.

Entre os participantes estarán algúns dos grandes nomes da vela en España, como o olímpico Jaime Piris, ao que veremos a bordo do Mercury; ou os campións do mundo Javier Chacártegui e José María “Pichu” Torcida, que patronearán, respectivamente, o Ibo.es e o Aila.

Polo club anfitrión sairá á auga practicamente toda a frota de J80 do Monte Real, unhas 15 unidades que se adestran, durante todo o ano, nas dúas ligas que o club organiza especificamente para eles. Con moi bos resultados nas competicións previas, o Okofen de Javier de la Gándara e o Virazón de Miguel Lago son dúas das tripulacións que parten como favoritas.

Presentado esta mañá en rolda de prensa, o nacional de J80 “é o último logro do Monte Real Club de Yates no seu afán por impulsar esta clase en España”. Así o expuxo o vicepresidente do club, Alejandro Retolaza, ao explicar a evolución dos monotipos en Baiona desde que, en 2012, decidisen apostar por eles. “Ofrecemos -dixo- condicións vantaxosas aos armadores para a adquisición dos veleiros, facilidades cos amarres e creamos dúas ligas específicas para os xotas. E os resultados –asegurou- están á vista, cunha frota moi competitiva de 15 unidades en apenas uns poucos anos”.

Costeiras e barloventos sotaventos para as distintas clases

Se por algo se caracterizará o Trofeo Repsol deste ano será pola súa variedade, tanto nas clases participantes como na localización dos campos de regata ou o deseño das probas. Ademais dos J80 do Campionato de España, veremos sobre a auga diferentes tipos de cruceiro e monotipos da clase Fígaro e J70.

Para os cruceiros e os Fígaros, o comité de regata deseñará percorridos costeiros en función da meteoroloxía, uns trazados que partirán do interior da baía de Baiona e percorrerán as proximidades da ría de Vigo. Os J80 e os J70 disputaranse varios percorridos barlovento-sotavento, os primeiros no interior da baía baionesa e os segundos no fondeadoiro das illas Cíes.

A entrega de premios, para todos eles, celebrarase o festivo do primeiro de maio a partir das catro da tarde nas instalacións do Monte Real Club de Yates.

O Trofeo Repsol inaugura o I Circuíto Rías Baixas de a dous

Ademais de Campionato de España da clase J80, o Trofeo Repsol será a primeira das probas puntuables do Circuíto Rías Baixas de a dous, unha nova competición creada este mesmo ano polo Monte Real Club de Yates, o Real Club Náutico de Portosín, o Náutico de Portonovo e o Liceo Marítimo de Bouzas co obxectivo de impulsar o deporte da vela en Galicia.

É por iso que a Regata de Primavera do Monte Real terá este ano, por primeira vez, unha categoría específica para cruceiros ORC tripulados unicamente por dúas persoas. Os inscritos participarán nas mesmas probas que o resto de cruceiros da regata pero os seus resultados puntuarán, ademais, para este novo circuíto.

Completarán o percorrido puntuable a Regata Volta ás Cíes, o Memorial Rafael Olmedo, a Regata Ramiro Carregal, a Regata Mar de Finisterre e o Memorial Paco Alvariñas, a celebrar todas entre os meses de maio e xullo.

O mellor adestramento para o Europeo de J70 de Vigo

Do mesmo xeito que xa o fixesen na edición anterior, os J70 vigueses volverán participar este ano no Trofeo Repsol, que conta cunha clase especial para estes monotipos.

As probas programadas para eles no fondeadoiro das Illas Cíes os días 28 e 29 de abril serviranlle á frota de adestramento para o Campionato de Europa que se celebrará en Vigo do 9 ao 16 de xuño.

Entre os participantes no Trofeo Repsol veremos a habituais das competicións do Monte Real como os irmáns Luis e Jorge Pérez Canal, ao mando dos seu respectivos Abril Verde e Abril Vermello. Estarán tamén novas promesas como Luis Bugallo, a bordo do Marnatura.

Un impulso á desestacionalización do turismo

Na presentación do Trofeo Repsol, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, asegurou que o Campionato de España de J80 axudará, un ano máis, a desestacionalizar o turismo na vila mariñeira. Dixo o rexedor que, grazas ás competicións náuticas organizadas polo Monte Real, Baiona recibe a miles de visitantes durante os meses de menor afluencia turística. O alcalde baionés aproveitou tamén a ocasión para felicitar ao club de iates pola súa recentemente conseguida Q de Calidade, “unha distinción –dixo- que aumenta non só o prestixio do club, senón tamén da localidade que o acolle”.

Na potencialidade do turismo náutico para atraer visitantes a Galicia tamén incidiu o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López Chaves, quen así mesmo destacou o feito de que o Trofeo Repsol converteuse, co paso dos anos, nunha regata de referencia a nivel nacional.

Por parte de Repsol interveu na rolda de prensa a súa xefa de mariña e pesca, Inés González Megido, que destacou o compromiso do Monte Real Club de Yates coa vela en Galicia e aproveitou a ocasión para convidar os regatistas a participar –dixo- nesta “gran cita náutica que é o Trofeo Repsol”.

Anuncios