Rescatada unha mariscadora tras caer nunha zona rochosa en Baiona

Os servizos de emerxencia rescataron esta mañá a unha mariscadora que caeu nunha zona rochosa mentres realizaba o seu traballo no termo municipal de Baiona. Debido ás lesións sufridas pola caída e ao tratarse dunha área acantilada, foi necesario evacuala ao Hospital Álvaro Cunqueiro a bordo do helicóptero Pesca 1 do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Ás 9:45 horas, o 112 Galicia recibía a chamada dun alertante que informaba do suceso. De acordo coa información facilitada aos xestores do 112, a traballadora sufrira unha caída e necesitaba axuda pois non era quen de abandonar o lugar polos seus propios medios.

Decontado, desde o Centro Integrado de Emerxencias de Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa intervención dos servizos sanitarios, dos membros de Salvamento Marítimo, de Gardacostas de Galicia, do GES de Val Miñor e dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Unha vez no lugar dos feitos, os equipos de intervención avaliaron a situación na que se atopaba a ferida e, tras confirmar que o traslado por terra era inviable, o Servizo de Gardacostas de Galicia mobilizou a aeronave de rescate para evacuar á mariscadora e trasladala ata o centro hospitalario de referencia.

Cómpre sinalar que desde o 112 Galicia tamén informouse aos Bombeiros do Baixo Miño, de Vigo e aos membros de Protección Civil de Val Miñor por se fose necesaria a súa colaboración.

🎥 VIDEO: Rescatada unha mariscadora tras caer nunha zona rochosa en Baiona.

Publicado por Valmiñor TV en Lunes, 20 de julio de 2020