Nigrán instala un novo sistema de presión no SAU de Monteferro para fornecer de auga a cen vivendas

O Concello de Nigrán, a través da concesionaria Aqualia, investirá 26.282.38 € na instalación dun novo grupo de presión no SAU de Monteferro que permitirá desde o mércores subministrar auga sen problemas a cen vivendas que, nos momentos de maior demanda, non era posible.

As obras executadas consistiron na instalación e conexión á rede de abastecemento existente dun grupo de presión con 2 electrobombas trifásicas de 3 kw, cos seus correspondentes variadores, o que permitirá incrementar a presión en función da cota. A maiores, no cadro eléctrico instalouse un sistema de transmisión de alertas para que calquera posible incidencia sexa comunicada de forma inmediata ao retén de garda da Concesionaria Aqualia e así garantir un óptimo funcionamento.

Desde o Concello e Aqualia realizouse un bando que se deixou en cada caixa de correo da zona recordando a conveniencia de revisar o sistema de distribución de auga de cada vivenda, recomendando a instalación dunha redutora despois de cada contador para evitar posibles incidencias debidas ao incremento da presión.