Combatividade con premio para Iñigo González no Trofeo San José

O Vigo-Rías Baixas pechou este domingo unha intensa semana de competición na provincia de Zamora cultivando un novo Top-10. Iñigo González finalizou noveno no Trofeo San José tras rodar en fuga durante a metade do percorrido. A combatividade do corredor biscaíño da estrutura presidida por José Luis Chamorro tamén obtivo como recompensa a vitoria na clasificación das Metas Volantes.

Unha das clásicas máis históricas do calendario Elite-Sub23, coñecida ata o ano pasado como Trofeo Iberdrola, celebrou a súa 73ª edición sen variar o seu habitual percorrido con saída e chegada na localidade de Muelas de Pan. Dos 155 quilómetros que tiveron que completar os ciclistas, González rodou escapado máis de 70.

Despois de tentar sorprender de lonxe o día anterior no Trofeo Concello de Zamora, o corredor sub23 de Zalla volveu á carga 24 horas máis tarde á altura do km 55. González marchouse en compañía de Marcos Navarrete (Benicadell). Por detrás deles formouse un quinteto perseguidor co que chegaron a gozar dunha vantaxe de 1 minuto e 20 segundos, mentres que a diferenza máxima respecto ao pelotón foi de 5:30.

O grupo intermedio de cinco ciclistas, co que estivo preto de contactar o mosense Iñigo Rodríguez, alcanzou ao dúo de cabeza antes de pasar o km 100. Faltaban por ascenderse tres dos cinco altos de 3ª categoría que se contabilizaban neste trazado creba pernas e na penúltima subida puntuable a cabeza de carreira reduciuse a tres corredores e posteriormente a dous.

González entrou nos últimos 25 km á fronte da proba xunto a Arturo Gravalos (Kometa), pero de inmediato uníuselles un reducido grupo do que sairía o vencedor da carreira Vicente Hernaiz (Kometa). O gañador atacou en solitario na ascensión final a Muelas de Pan e 27 segundos máis tarde cruzou a liña de meta o biscaíño do Vigo-Rías Baixas. Víctor Etxeberria, 28º a 1:22; Noel Martín, 30º a 1:30; e Guillermo Mallo, 57º a 7:09, foron os outros tres corredores da formación olívica que terminaron esta clásica.

Tendo presenza no podio con González recollendo a camisola das Metas Volantes, a formación flúor despediu a primeira semana de competición post confinamento. Seis días rodando polas estradas de Zamora nos que os pupilos de Marcos Serrano tamén lograron a vitoria de Mauricio Moreira no prólogo da rolda zamorana, o sexto posto de Etxeberria na xeral final e a oitava praza de Martín no Trofeo Concello.