Sin categoría

O “Musigal 2020” da Deputación leva este sábado a Gondomar a Garufa Blue Devils Big Band

Musigal, o programa cultural da Deputación de Pontevedra, continúa espallando esta semana a música galega e en galego por toda a xeografía da provincia de Pontevedra. O sábado, día 18, en Gondomar, terá lugar o concerto de “Garufa Blue Devils Big Band” ás 22:00 horas nas pistas deportivas do CDL. Unha gran orquestra formada por 19 músicos e 4 cantantes nun formato clásico que poñerá en escena un repertorio de temas clásicos dos anos 30 e 40, época dourada do swing en Estados Unidos e dos grandes musicais.

“Musigal 2020” ten como obxecto contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego, así como fomentar a defensa da igualdade e favorecer a programación artística nos concellos da provincia. Xunto a isto, esta iniciativa pretende dinamizar a lingua galega, favorecer a vivencia positiva e posta en valor do noso idioma, contribuír ao incremento do seu emprego, así como estender a socialización en galego da infancia e a toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia. A Deputación ten pechados ata agora máis de 40 concertos.