A Xunta transfire a Gondomar dous treitos da EP-2303 entre Vilaza e Parada

O Consello da Xunta autorizou hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Gondomar de dous treitos antigos da estrada provincial EP-2303 que comunica esta vila con Vilaza e Parada.

O concello pontevedrés solicitou á Deputación provincial o cambio de titularidade dos dous treitos antigos da vía que discorre polos lugares de Villares e Ariora. Esta petición dá cumprimento ao previsto nun convenio asinado entre as dúas administracións.

A Administración provincial de Pontevedra acordou aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Gondomar e emitiu informe favorable para a transferencia dos treitos antigos da vía provincial, de 116 metros, que comeza no punto quilométrico 1+970, e do tramo de 66 metros que remata no punto 2+230.

A transferencia a prol do Concello de Gondomar tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade aprobado hoxe o Concello terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.