Desde a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo defenden que as actuacións sanitarias e asistencias desenvolvidas en relación cos usuarios das residencias de maiores de Vigo son as recomendadas pola evidencia científica nesta pandemia. Polo tanto, a autoridade sanitaria garante o modelo de atención elixido para estes residentes como o mellor posible para preservar ou minimizar ás persoas máis vulnerables da exposición á enfermidade.
“A decisión de centralizar na Residencia de Tempo Libre de Patos a asistencia dos residentes non contaxiados polo Covid-19 está baseada nos criterios técnicos e sanitarios indicados polos expertos para a atención e protección aos grupos de risco neste tipo de alertas sanitarias”, sinalan.
Segundo a EOXI de Vigo, o feito de que se teña confirmado agora a enfermidade de dúas residentes, non se pode vincular coa adopción desa medida. “Os traslados dos residentes efectuáronse cando as tres probas diagnósticas que lles foron realizadas de xeito combinado –2 PCR separadas no tempo e un test de anticorpos- deron negativo. O risco 0 fronte ao Covid-19 non existe, o “período ventana”, o tempo en tarda en manifestarse o virus, é ilimitado e impredecible. Isto é, hoxe en día os especialistas aínda non teñen clarificado o comportamento desta enfermidade ao 100%, nin a evolución dos contaxios. Neste momento estase estudando a causa da infección desas dúas persoas contaxiadas”.
Segundo informan desde a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, no día de hoxe fixéronse de novo probas diagnósticas a todos os residentes dese centro –sería a cuarta proba-. Ademais, tamén se efectuaron as probas a todo o persoal, e aínda que estase á espera dalgún resultado, polo de agora todas as analizadas teñen dado negativo.
“Hai que subliñar que tanto os usuarios como o persoal da residencia de Patos seguen estritamente todos os protocolos de protección, limpeza e distanciamento recomendados polas autoridades sanitarias. Desinfectáronse as instalacións, dotouse o centro de profesionais sanitarios, someteuse todo o persoal e os residentes ás probas precisas e, durante os primeiros días tras o traslado, mantívose o illamento recomendado polos profesionais sanitarios”, conclúen.

