
Todo marchaba a pedir de boca para o Vigo-Rías Baixas na etapa raíña da Volta a Zamora ata que a metade do percorrido a mala sorte xogoulle unha mala pasada a Edwin Torres. O escalador venezolano sufriu unha avaría mecánica cando formaba parte dun cuarteto de escapados que acumulaba dez minutos de vantaxe respecto ao pelotón. O contratempo deixou ao ciclista do conxunto olívico sen opcións de volver contactar coa cabeza de carreira e botou por terra a estratexia deseñada pola estrutura presidida por José Luis Chamorro, que se tivo que conformar coa undécima posición asinada por Víctor Etxebarria na meta de Aciberos.
Os 139 quilómetros da terceira xornada da rolda zamorana empezaran de maneira inmellorable para os pupilos de Marcos Serrano. Tras darse a saída en Mombuey, Torres estivo atento para filtrarse nunha fuga de 18 unidades que se consolidou á altura do km 20 e non tardou en lograr unha renda superior aos 10 minutos. O corredor de Tábira atopábase na xeral a 25 segundos do líder e por diante esperáballe un percorrido que se adaptaba á perfección ás súas características, con seis portos de montaña.
O venezolano pasou pola primeira ascensión puntuable, o alto de Portilla do Padornelo (3ª categoría), encabezando a escapada e nas ramplas do seguinte porto, o Alto de Ladiairo (2ª categoría) marchouse en compañía de Eugenio Sánchez (Lizarte), Vicente Hernaiz (Kometa) e Josu Etxeberria (Caja Rural). Con todo, aos poucos quilómetros de seleccionarse a fuga, produciuse o problema mecánico de Torres.
Mentres o corredor do conxunto olívico comprobaba con resignación como o terceto de cabeza resultaba inalcanzable, por detrás Mauricio Moreira e Víctor Etxeberria movíanse no pelotón xunto a outros aspirantes á camisola amarela. A pesar da dificultade do trazado na segunda metade do percorrido, con dúas subidas de 1ª categoría e outros dous portos puntuables, e ao traballo de persecución realizado polo Vigo-Rías Baixas e outros equipos, un dos fuxidos acabaría levándose o triunfo parcial tras ofrecer un recital en solitario nos últimos 20 km.
Josu Etxeberria exhibiuse e venceu con máis dun minuto de marxe para converterse no novo líder da carreira. A 1:46 do gañador de etapa concluíu Víctor Etxeberria como mellor clasificado da formación flúor, mentres que Moreira entrou a 2:36 na 23ª posición. Na xeral, Víctor Etxeberria sitúase 12º a 1:46 e Moreira, 20º a 2:06.
A XXXVII edición da Volta a Zamora baixará o seu pano este venres ao mediodía con outra etapa de montaña. No 131 km entre Mahide e Viñas contabilízanse cinco portos. As tres últimas subidas puntuables son de 2ª categoría, incluíndo a ascensión final onde estará situada a liña de meta.