Nigrán subvenciona un campamento dirixido a persoas con discapacidade

O Concello de Nigrán e o Centro Juan María veñen de asinar un convenio para financiar o proxecto “Lecer para todos 2020” (campamento urbano) por importe de 2.500 €, aumentando así nun 250% a habitual achega económica, que nesta ocasión foi incluída no Orzamento 2020 como partida específica a tal fin. Así, durante as tres primeiras semanas do mes de agosto, unha ducia de persoas con discapacidade intelectual beneficiaranse deste programa de actividades de lecer e tempo libre en horario de 10:00 a 14:00 horas de luns a venres.

Tal e como sinalan no propio CEE Juan María, debido á crise sanitaria a necesidade desta alternativa de ocio aumenta considerablemente porque as persoas con discapacidade e as súas familias levan desde marzo sen poder acceder a ningún servizo ou actividade. Así que o obxectivo é ofrecer un servizo de apoio ás familias/coidadores que favorezan a conciliación e, ao mesmo tempo, ofrecer ao usuario unha ferramenta que favoreza o desenvolvemento persoal e a participación na vida social.

Para este campamento será preciso a contratación de sete persoas cualificadas que, ante a alarma sanitaria do COVID-19, distribuirán aos participantes en tres grupos de 4 persoas que se xestionarán de forma autónoma sen contacto co resto para minimizar calquera posible transmisión.

O campamento incluirá saídas á praia, roteiros de sendeirismo, visitas culturais, obradoiros…