Éxito de convocatoria no Campionato de España de Motos Acuáticas de Baiona

A Real Federación Española de Motonáutica ratificou a participación de máis de medio centenar de pilotos na primeira proba do Campionato de España de Motos Acuáticas, que se celebra en Baiona esta próxima fin de semana.

Tras o peche das inscricións este pasado martes, a máxima entidade que rexe o deporte da motonáutica no noso país, fixo chegar un comunicado coa listaxe provisional de pilotos que este sábado 18 de xullo estará na grella de saída de Santa Marta.

“O éxito desta convocatoria débese, fundamentalmente, ás ganas de entrar en competición que tiñan os pilotos no noso país. Esta época de confinamento alterara ou cancelara datas e eventos en España dentro do sector da motonáutica, e esta é unha ocasión que ninguén se quere perder”, comenta José Fernández, presidente da Federación Galega de Motonáutica, coorganizadores da proba de maneira conxunta coa Federación Española.

As categorías en liza, tanto para o Rallyjet (sábado 18 de xullo) como para o Offshore (domingo 19 de xullo), serán Runabout GP1, Runabout GP1 Atmosférico, Runabout GP2 Promoción, Runabout GP2, Runabout/Sport GP1 e Runabout GP4.

Melilla, Madrid, Alacante, Murcia, Lugo, A Coruña, Pontevedra ou Vigo, son boa parte das cidades de procedencia dos mellores pilotos do panorama español.

Tendo como marco da competición a Enseada de Baiona, o Campionato de España de Motos Acuáticas percorrerá diferentes escenarios como as Rías de Pontevedra e Vigo, así como tamén a Enseada de San Simón.

O Campionato de España de Motos Acuáticas ten por principal anfitrión e patrocinador do evento ao Excmo. Concello de Baiona, así como Deporte Galego da Xunta de Galicia e Efectos Navales Jesús Betanzos, o apoio loxístico do Porto Deportivo Baiona, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico de Vigo, os Liceos Marítimo de Bouzas e de Canido e a colaboración do Consello Superior de Deportes, Deputación de Pontevedra, LaLiga Sports, Murimar Seguros e TacTic Audiovisual.