Baiona repartirá máis composteiros individuais entre a veciñanza

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Composteiro comunitario en Sabarís.

A Concellería de Medio Rural de Baiona informa da dispoñibilidade de máis composteiros individuais que se repartirán entre a veciñanza o vindeiro mércores 22 de xullo. O Concello de Baiona está adherido ao programa de compostaxe doméstico de SOGAMA polo cal xa entregou, no ano 2019, 50 composteiros individuais de 400 litros de capacidade e fabricados en plástico reciclado á persoas veciñas de Baiona cedidos pola propia SOGAMA.

Calquera veciña ou veciño que desexe un composteiro individual pode solicitalo no Concello de xeito presencial ou a través do teléfono 986 385 050. Cabe lembrar os requisitos a cumprir para optar a eles: a persoa debe estar empadroada no Concello de Baiona, ser maior de idade e dispoñer dun terreo onde instalalo dentro do termo municipal de Baiona.

A Concellería de Medio Rural, na aposta pola compostaxe como método de tratamento de residuos orgánicos, incide na importancia medioambiental e sanitaria da transformación dos restos orgánicos producidos no domicilio en compost, un fertilizante natural cunhas excelentes propiedades para seu uso no solo e a conseguinte diminución dos quilos de lixo orgánico depositados no contedor verde.

Nesta liña, o Concello de Baiona dispón de 3 centros de compostaxe comunitaria, ao amparo do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, situados no parque do barrio de Os Tendais, na rúa Burgo e no Camiño do Carme en Sabarís, que funcionan con grande éxito de participación. En breve procederase á posta en funcionamento do cuarto centro de compostaxe comunitaria situado na Galiña Azul.