Manifesto Miñor organizará mobilizacións contra as comisións abusivas de Abanca

Unha parte importante da veciñanza de Gondomar e de todo o Val Miñor con contas bancarias na entidade Abanca estase a ver prexudicada por elevadas comisións e gastos que esta entidade bancaria está aplicar á súa clientela. Estas comisións impóñense sobre contas correntes, non sobre produtos financeiros de esperada rendibilidade. É dicir, afectan aos consumidores.

Para defender ás súas veciñas e veciños, por enriba dos intereses especulativos das entidades financeiras e denunciar o cobro abusivo de comisións e gastos de xestión de Abanca, dende Manifesto Miñor organizarán unha serie de mobilizacións sociais. Logo de presentar unha moción no Concello de Gondomar (aínda sen defender por non se convocar Plenos no concello), para conseguir o compromiso de toda a Corporación Municipal na defensa das veciñas e veciños afectados, e de enviar escritos de queixa ao servizo de reclamacións do Banco de España e da propia entidade bancaria, agora comezan cunha serie de concentracións que se desenvolverán nas próximas semanas diante das oficinas de Abanca da contorna.

Esta mañá concentráronse un grupo de veciñas e veciños de Gondomar diante da oficina de Abanca. “Virán novas mobilizacións ata que a entidade financeira devolva todas as comisións e gastos de xestión e reverta a súa política e cobros sobre as contas correntes”, afirman desde Manifesto Miñor.

2020-07-13 - WhatsApp Image 2020-07-13 at 20.24.52 2