Gondomar inclúe no seu programa de verán sesións de Zumba e GAP

O Concello de Gondomar segue a traballar para ofrecer novas e diferentes actividades á veciñanza nos meses de verán, sempre adaptadas ás novas normas hixiénico-sanitarias que esixe a nova normalidade que estamos a vivir tras a pandemia e previndo sempre posibles contaxios da Covid-19.

Así, dende a Concellería de Deportes convidan á veciñanza a participar nos cursos gratuítos de ZUMBA e GAP (Glúteos, Abdominais e Pernas) que se van a desenvolver todos os martes e xoves dos meses de xullo e agosto nas pistas de baloncesto de As Cercas.

As clases de Zumba impartiranse todos os martes, a partir de mañá día 14 de xullo, entre as 21:00 e as 22:00 horas, e están abertas a todas as idades, o único requisito é pasalo ben mentres se fai deporte ao ritmo da música.

As sesións de GAP terán lugar todos os xoves, a partir do 16 de xullo, entre as 21:00 e 22:00 horas no mesmo escenario e tamén sen límite de idade para os participantes interesados en sumarse a esta actividade.