Un menor ferido ao lanzarse á auga en Baiona

Os servizos sanitarios de urxencia desprazáronse esta tarde á praia de Santa Marta, en Baiona, para atender a un neno que resultou ferido despois de lanzarse á auga desde o paseo marítimo.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para dar conta do ocorrido ás 18:00 horas. Indicaba no seu relato que o mozo se tirara de cabeza ao mar desde unha rampla do paseo marítimo situada a poucos metros da praia e chocara contra o fondo.

Enseguida, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que rapidamente se desprazaron ata o areal para prestar atención médica ao menor.