Gustavo Almeida presenta o seu disco “Vértice” en Nigrán

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de verán, ofrece este sábado 11 de xullo ás 22:30 no espazo deportivo Dunas de Gaifar (Panxón) o concerto do artista e ex futbolista Gustavo Almeida presentando o seu último disco “Vértice”. A entrada será de balde pero con aforo limitado atendendo ás medidas de seguridade sanitarias actuais. Hoxe venres, terá lugar nesta mesma localización a primeira edición de Sona Gaifar coma un novo evento que propón unha selección de artistas destacados de toda Galicia, entre nomes emerxentes e outros máis consagrados: DJ’s, actuacións en vivo e, como non, tamén con foco en artistas locais de Nigrán.

Despois de virar en 2019 coa súa banda por teatros e auditorios de toda Galicia e outras cidades de España, Gustavo Almeida presenta o seu cuarto traballo de estudo en formato cuarteto, acompañado, ademais de pola súa guitarra, por Julio González na batería, Ricardo Ferreira no baixo e José Churruca na guitarra. Como todos os eventos dos Concello de Nigrán, será un concerto inclusivo onde as persoas xordas poderán sentir a música coas súas mochilas vibratorias (solicitude con 48 horas de antelación en info@entresignos.com).

Gustavo Almeida é un artista de orixe brasileira con quince anos de estrada, unha calidade impecable no seu traballo, como se pode comprobar nolos seus catro discos lanzados (este último producido por un dos mellores produtores deste país, o valenciano Nacho Mañó) e cun directo potente, próximo e versátil en xénero e lingua onde se atopan o pop máis sofisticado, o funk e a música de autor de Brasil. O cantante ten compartido escenario con Vanesa Martin, Efecto Pasillo, Bombai o India Martínez.

2020-07-10 - G.Almeida_Cartel