Nigrán ofrecerá tres sesións de cinema ao aire libre

O Concello de Nigrán e o Cineclub Val Miñor-Alice Guy trasladan a súa actividade ao exterior e ofrecen os vindeiros tres luns o seu primeiro ciclo de cinema ao aire libre ás 22:30 na Praza do Concello.

As proxeccións comezarán este luns 13 de xullo coa película do galego Oliver Laxe “O que arde”, premio do xurado en Cannes (2019) ou mellor fotografía e actriz revelación nos Goya. Ninguén espera a Amador cando sae do cárcere tras cumprir condea por ter provocado un incendio. Regresa a súa casa, unha aldea das montañas lucenses, onde voltará a convivir, ao ritmo sosegado da naturaleza, coa súa nai, Benedicta, a súa cadela e ás súas tres vacas.

O seguinte luns, 20 de xullo, proxectarase a película de Charles Chaplin “La Quimera del Oro” coa gran particularidade de que a banda sonora estará musicada en directo polo guitarrista nigranés Felipe Villar, director do Nigranjazz que, precisamente, arranca nesa semana. Este filme está considerado como a comedía máis perfecta de Chaplin. En 1925, na súa estrea en Berlín, a ovación do público asistente ao finalizar foi tan grande que volveron a poñela desde o principio.

Para finalizar, o luns 3 de agosto, será a quenda de “La playa de los ahogados”, longametraxe de Gerardo Herrero baseado no libro do vigués Domingo Villar e que ten moita vinculación con Nigrán ao desenvolverse boa parte da trama (da novela e da película) no municipio.

“Non son tres películas proxectadas ao azar, teñen cadanseu motivo para ofrecelas precisamente desde o Concello de Nigrán. ‘O que arde’ porque desgrazadamente aquí sabemos o que significan os lumes; ‘La Quimera del Oro’ porque sendo unha obra mestra temos a sorte de contar cun guitarrista de Nigrán que a ten musicado varias veces e, finalmente, ‘La Playa de los ahogados’ porque transcorre boa parte en Panxón”, resume o alcalde, Juan González.