“Baiona perde a subvención de máis de 1 millón de euros para reformar a Praza Victoria Cadaval”

Recreación do resultado final dos traballos na Praza Victoria Cadaval en Sabarís.

O Partido Popular denuncia nun comunicado que Baiona queda sen a subvención de 1,16 millóns de euros para humanizar a contorna da Praza de Victoria Cadaval pola “desidia” e a “desorganización” do goberno tripartito que lidera o alcalde socialista, Carlos Gómez.

Segundo os populares, o Concello non tramitou a documentación nas datas acordadas no convenio coa consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que se comprometeu a investir esta cantidade de diñeiro co fin de mellorar a calidade de vida dos veciños do municipio, modernizar a imaxe da parroquia de Santa Cristina e facela accesible.

Para o grupo municipal popular, o rexedor volveu a “abandonar” aos veciños ao “privarlles» dun proxecto histórico e innovador que non supoñería custo para o Concello xa que era unha obra subvencionada ao cento por cento pola Xunta e que si sería “moi beneficiosa” para o pobo.

Desde o PP afirman que a Xunta requiriu por escrito en varias ocasións ao goberno local os terreos sobre os que executar a obra, que xa pasara todos os trámites legais oportunos, sen que desde o Concello realizasen as xestións oportunas para entregar as parcelas a pesar de ser conscientes desde decembro de 2019 de que de non facelo corríase o risco de perder a axuda como así foi. “A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio foi paciente co tripartito pero este desatendeu calquera demanda”, acusan os populares.

O PP lamenta que, unha vez máis, sexan os veciños os que teñan que pagar o “desgoberno” e a “parálise” dun goberno tripartito que prioriza as siglas ao avance de Baiona e ao benestar dos veciños. “Agora tentarán facer política e botarlle a culpa aos demais pero deberían de asumir a súa responsabilidade e explicar porqué Sabarís perdeu unha oportunidade histórica”, sinalan os populares.