Gondomar pon en marcha dous minicampamentos centrados na igualdade

O Concello de Gondomar, a través da Concellería de Igualdade, coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, poñerá en marcha o próximo mes de agosto dous minicampamentos centrados na educación en valores de igualdade.

As persoas interesadas en participar poderán inscribirse do 13 ao 28 de xullo recollendo as solicitudes no rexistro municipal ou no CIM.

En total ofertaranse dous campamentos baixo o título «Cocreando en igualdade». Cada un deles terá un máximo de 15 participantes e desenvolveranse en dúas quendas: do 3 ao 17 de agosto e do 18 ao 31 de agosto. Poderán participar rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos.

Con esta actividade, na que se contemplan todas as medidas hixiénico sanitarias para previr calquer contaxio do Covid-19, o Concello posibilita a conciliación familiar a aquelas familias cuxos proxenitores traballen e non teñan con quen deixar os seus nenos/as.