Nigrán aproba o investimento de 1 millón de euros do remanente para levar a cabo 13 proxectos

O Concello de Nigrán celebrou este luns o seu primeiro pleno presencial tras o estado de alarma declarado polo Covid-19 cumprindo con todas as medidas de seguridade, o que obrigou a sentar a parte dos concelleiros entre as cadeiras do público para gardar distancias, ter ventilado o salón ou empregar máscaras.

Neste pleno ordinario correspondente ao mes de xuño (a coincidencia do luns 29 de xuño con festivo local obrigou a trasladalo a hoxe) o goberno local aprobou cuestións de suma importancia, como empregar 1.006.861 euros do remanente de Tesourería para levar adiante 13 proxectos entre os que destaca a construción dunha cociña escolar municipal no CEIP Humberto Juanes. Esta aprobación, que contou coa abstención do PP, supón dar luz verde definitiva a un investimento de 373.878 € para construíla e, con elo, poder elaborar os menús de todos os colexios do municipio que se fornecen actualmente mediante cátering. Comunidade educativa e goberno local consideran que a Xunta de Galicia non vai comprometer nunca que sexa obrigatorio para a concesionaria electa empregar a futura instalación pero, tal e como defendeu o rexedor, “é unha cuestión de saúde e a Xunta non pode situar os intereses das empresas por riba da saúde pública dos nenos”. “A estas alturas xa temos claro que esta Xunta non pensa comprometerse con Nigrán garantindo que os pregos da vindeira licitación obriguen ao adxudicatario a cociñar nas instalación municipais, pero desde o Concello e as comunidades escolares non imos permitir o contrario”. O alcalde incidíu en que non está a pedir ningunha idea nova e alude a propia realidade da comarca, xa que no CEE de Panxón se cociña tamén para o CPI Arquitecto Palacios e para a E.I. “As Dunas” (en Vigo o caso é o Dr. Fleming, que cociña para outros 9 centros). “Xunto a comunidade educativa desde o Concello temos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios que se nutren do sistema de cátering, e non é xusto discriminar ao alumnado da ensinanza pública, estamos a falar da saúde dos nenos, non é un proxecto do goberno local, é unha demanda dos propios nenos e queremos cumprila”, resumiu o alcalde. A propia edil de Educación, Marina Vidal, recriminou ao voceiro do PP que chamase “irresponsable” ao goberno por aprobar ese investimento. “Argumentades que non é a nosa competencia para non votar a favor e nos chamades irresponsables; resúltame indignante porque precisamente por sentido da responsabilidade asumimos esa obra e todas as que lle corresponden á Xunta nos colexios de Nigrán, porque doutro xeito nin se podería entrar nos centros”, resolveu.

Con cargo a eses 1.006.861 euros do remanente tamén se inclúen 200.000 € para ampliar a rede de abastecemento de auga inicialmente a 90 vivendas de Camos e A Tarela a través da súa conexión coa tubaxe xeral na rúa dos Pazos; concretamente, a contorna de Camiño da Rega, Tarela e Grilo (Nigrán) e rúa do Seixo, Carballal, Do Río, Das Viñas e Avoa Carmela (Camos). Igualmente, destínanse 115.448 € para levar o saneamento á rúa Raña (Priegue) ou 84.288 € para a renovación integral da rúa Rego do Forno en Patos. Entre outras cousas, figura tamén a instalación de pavimento homologado pavigrass na pista deportiva do Pavillón de Panxón (53.000 €) ou rehabilitar a cafetería de Dunas de Gaifar (48.348 €). Tamén con cargo ao remanente e con motivo do Covid-19, aprobouse desta vez por unanimidade destinar 100.000 € do superávit a gastos de emerxencia social e outros 20.000 € para a adquisición de material de protección ante o Covid-19, tal e como posibilita o plan de medidas urxentes complementarias no eido social e económico decretado polo goberno central en marzo en canto ao uso dos remanentes (estes cartos súmanse ao orzamento aprobado en maio polo Concello no que o gasto social xa disparaba un 250% a partida de axuda a domicilio con 580.000 € ou un 50% o de emerxencia social). “Son todo proxectos e investimentos de gran interese para a veciñanza, por iso consideramos incluílos no remanente”, sinalou González.

Finalmente, no eido económico o goberno aprobou o pago de 86.388 € en facturas de 2019 correspondentes a traballos convenientemente realizados.

Serra da Groba

O goberno local aprobou tamén neste pleno, coa abstención do PP, unha moción en contra da instalación de aeroxeneradores na serra da Groba e do Galiñeiro tal e como 107 asociacións e colectivos tamén defenden, entre eles a asociación Serra do Galiñeiro e SOS Groba. “Non estamos en contra das enerxías limpas e renovables, non é esa a cuestión, o que non podemos e ir en contra dunhas das maiores riquezas medio ambientais da comarca para esnaquizala; non é o sitio idóneo”, defendeu o rexedor ante o voceiro do PP, quen estimou que a localización debe corresponder só a “criterios técnicos e científicos e non a políticos”, e tachou a argumentación do rexedor de “egoísmo, demagoxia barata e populismo”.

RPT

O goberno de Nigrán, tamén coa abstención do PP, aprobou inicialmente a Relación de Postos de Traballo do Concello, a primeira na Historia do consistorio que, tras esta aprobación inicial, queda precisa da aprobación provisional e definitiva. “Levamos máis de 3 anos traballando nela e é de gran importancia para os traballadores do Concello porque resolve moitos problemas actuais que veñen de moi atrás; queda aínda tempo por diante.

2020-07-07 - Pleno-Concelleiros