Nigrán abre o prazo de inscrición para a ruta guiada polo sendeiro circular das Medoñas en Priegue

O Concello de Nigrán ten aberto o prazo de inscrición no mail turismo@nigran.org para participar no seu terceiro roteiro guiado deste verán dentro da súa programación #NigránEquilibrioNatural, que terá lugar este venres día 10 dende o Camiño do Monte en Priegue, con saída ás 10:00 horas da mañá. Esta é unha das rutas máis indicadas para coñecer as pegadas da nosa prehistoria. Ademais de varios petróglifos cunha datación entre o 3.000/2.000 A.C. conformados en círculos concéntricos con cazoletas e canles, o sendeiro discorre xunto á mámoa das Requeixadas.

O percorrido é de 8,5 km e a dificultade é media/alta cunha duración aproximada de 3,5 horas e no que os participantes gozarán dunha vexetación constituída por un mosaico de pequenos bosques autóctonos de carballos, masas de especies de produción forestal como piñeiros, campos de labor e monte baixo, leguminosas como xestas e toxos formando a orla forestal. Destaca o bosque Atlántico do merendeiro de Camos ou o Mirador dos Outeiros.